Premios Consello Social UDC Consello Social UDC

A través dos premios IMPULSO UDC o Consello Social quere recoñecer públicamente o labor dos grupos de investigación da Universidade da Coruña que destacaran na consecución de obxectivos clave no eido da I+D+i.

 PERFIL DOS CANDIDATOS 

Poderán resultar beneficiarios dos Premios IMPULSO UDC do Consello Social da Universidade da Coruña os grupos de investigación da UDC que se atopen inscritos no Catálogo de investigación da Universidade da Coruña no momento de apertura do prazo de presentación de propostas de candidaturas.

O Consello Social da UDC outorgará o premio IMPULSO UDC ao grupo de investigación da UDC que destacase singularmente pola súa aposta pola internacionalización, a efectiva transferencia dos resultados da investigación ao tecido social, e pola súa capacidade para captar fondos procedentes de fontes de financiamento alleas á Universidade, nos termos previstos nas bases da presente convocatoria.

 CONTÍA E DESTINO DO PREMIO IMPULSO UDC 

Nesta primeira edición, o premio está dotado con 3000 €, que irán destinados a financiar a adquisición de material bibliográfico ou informático por pedimento do grupo de investigación que resulte galardoado.

A concesión do premio IMPULSO UDC implicará ademáis a autorización para o uso dun logotipo, que se outorgará ao grupo de investigación galardoado co obxecto de contribuir á proxección social da súa imaxe.

 VALORACIÓN DAS CANDIDATURAS 

A Comisión de Relacións Universidade - Sociedade do Consello Social será o órgano encargado de valorar as candidaturas e de elevar ao Pleno do Consello Social a proposta de concesión do premio.

No exercicio do seu labor como xurado, a Comisión de Relacións Universidade Sociedade poderá valerse do apoio técnico necesario para o mellor desenvolvemento das súas funcións. A Comisión de Relación Universidade Sociedade avaliará as candidaturas presentadas e proporá ao Pleno do Consello Social a concesión do Premio IMPULSO UDC ao candidato que durante o ano 2010 destacase singularmente na consecución de obxectivos que o Consello Social da UDC considera prioritarios no eido da I+D+i, sendo susceptibles de seren propostas ao premio aquelas candidaturas que destacasen:

a) Por orientar a súa actividade investigadora á creación e a transferencia de coñecemento innovador, que resultando útil para a resolución de problemas e/ou a satisfacción de necesidades económicas, sociais, culturais e medioambientais concretas, contribuíra significativamente ao progreso da nosa comunidade. Neste senso, valoraranse en particular as candidaturas que destaquen pola súa singular contribución á mellora da produtividade, competitividade e calidade das empresas galegas.

b) Por amosar unha singular capacidade para captar recursos procedentes de fontes de financiamento alleas á Universidade.

c) Por ter acadado dun xeito significativo o obxectivo de internacionalización da nosa Universidade, ao proxectar os resultados da súa actividade investigadora no eido científico, social ou cultural internacional e/ou ter fomentado a creación de lazos entre a UDC e institucións de natureza pública e privada radicadas no estranxeiro.

A Comisión de Relacións Universidade Sociedade valorará os méritos acadados polos grupos de investigación no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2010 e o 10 de novembro de 2011.

Con carácter excepcional e motivadamente, a Comisión de Relacións Universidade - Sociedade poderá propoñer ao Pleno do Consello Social que a concesión dos premios se leve a cabo ex-aequo ou que estes sexan declarados desertos.